Orixe e constitución legal
A Fundación O Noso Lar, con vocación de servizo á xente da nosa terra, comeza a súa andaina no ano 1988. Xorde como froito da Misión Compartida dun equipo de pastoral e veciños dalgunhas parroquias do Concello de Samos, co fin de vivir o anuncio do Evanxeo e o compromiso social, coma unha esixencia e resposta da fe. Os valores da hospitalidade, xenerosidade e gratuidade das xentes destes pobos, facilitaron e estimularon, en todo momento, a comunicación e o diálogo, podéndose asentar con facilidade os piares do proxecto. A constitución legal da Fundación e a súa inscripción no rexistro data do 11 de abril do ano 1991, quedando clasificada polos organismos competentes como: Fundación Benéfica-Asistencial privada de interese galego. A cesión da Casa Reitoral de San Martiño de Lousada por parte da Diocese de Lugo, permitíu a súa transformacion en sede da Fundación e casa de acollida. O traballo en equipo, ademais de proporcionar alento nas dificultades, posibilitou e posibilita un servizo de integración entre tódolos sectores da poboación, fomentando a solidariedade e a convivencia interxeracional. O obxetivo prioritario da Fundación O Noso Lar, é a atención integral da poboación rural do Concello de Samos, marxinada ou en estado de necesidade, e de maneira particular á terceira idade. Asímesmo, pretende, coas diversas actividades socio-culturais, animar e revitalizar estos núcleos rurais.