Actualidade
30/07/2020 - Comunicado do padroado da Fundación O Noso Lar
Xullo de 2020
Benqueridos amigos e amigas da Fundación O Noso Lar:
Fai tempo que non nos poñemos en contacto con vós, pero tede a certeza de que seguimos estando ao voso carón, aínda que nestes intres teñamos que prescindir dos plans previstos a causa da pandemia na que estamos inmersos.
A covid-19 está a alterar moitas facetas da nosa vida, ao tempo que nos proporciona material para reflexionar. O falecemento de tanta xente que sucumbiu á enfermidade, sen unha persoa querida ao seu carón; a impotencia das familias e amigos por non poder acompañar aos seus enfermos; o traballo incansable dos traballadores da saúde, en moitos casos con escasa protección; os tendeiros …, poderíamos facer unha lista case interminable de colectivos que estiveron e continúan a estar ao frente para facernos sentir o mellor posible.
Agradecemos a todos eles o seu traballo e tamén a tantas persoas que dende o anonimato, estiveron e continúan prestando servizo aos demais.
Sen dúbida, esta epidemia está a ser unha forte labazada que empezamos a padecer de forma consciente no mes de marzo e que, desgraciadamente, seguirá entre nós ata que dispoñamos dunha vacina que nos protexa. Reflexións sobre isto? Simplificando moito para non estendernos, só facer fincapé nalgunha cuestión xeral, como por exemplo: facernos decatar que a especie humana aínda que sexa a máis intelixente, non é a raíña do planeta Terra. Por moitos avances tecnolóxicos dos que dispoñamos, de seguir contaminando a atmosfera e xerando lixo para logo espallalo por onde queira cadaquén, acabaremos nun futuro non lonxano envelenando irreversiblemente o medio natural, facendo que sigan desaparecendo especies animais e vexetais imprescindibles para o equilibrio ecolóxico e, por conseguinte, favorecendo a eclosión de novas enfermidades para os humanos. Merece a pena vivir ao tolo pensando que “o que eu faga non se nota”? Recordemos o refrán que di: “un grano no hace granero pero ayuda a su compañero” O papa Francisco na súa encíclica Laudato si', fala con moito atino desta cuestión.
Cando se levantou o estado de alarma sentímonos contentos por recobrar liberdade de movemento, pero pasando o tempo imos vendo que as cousas non van todo o ben que esperabamos. Os entendidos na materia xa contaban con gromos ao alcanzar o estado de “nova normalidade”, pero seguro que non con tantos como os que temos a día de hoxe. Desgraciadamente, hai persoas ególatras e egoístas que rexeitando as normas sanitarias, non queren decatarse do tremendo mal que están a facer: directamente propagando o virus e, indirectamente, porque están axudando a fundir a economía nun verdadeiro caos. Pensemos en moita xente que a día de hoxe está a vivir ao límite das súas posibilidaes ou xa na miseria. As longas colas para recoller alimentos gratuítos e o aumento da actividade nos comedores sociais, fala de por si. Non hai máis que botar unha ollada a moitos negocios que están funcionando a medio gas ou, simplemente, tiveron que pechar as súas portas.
Os que vivimos no medio rural temos a sorte de poder andar polas nosas leiras respirando aire puro sen necesidade de utilizar máscara, pero os habitantes de núcleos urbáns que estiveron enclaustrados nun piso ou, nos peores casos amoreados en recintos pequeniños sen case luz natural, pasáronno francamente mal. Non podemos deixar que se repita esta experiencia. Debemos ser solidarios e responsables poñendo cadaquén o seu granciño de area.
A saúde de todos é o primeiro. Para conservala temos a obriga de seguir as pautas sanitarias que xa coñecemos, conscientes de que o seu relaxamento pode levarnos de novo a onde non queremos voltar. O “bicho” segue entre nós, non o tomemos á lixeira. Sabemos que o virus enferma á xente, é letal para moitas persoas e os traballadores dos centros sanitarios xa están exhaustos co que lles tocou vivir fai pouco tempo. Respectémolos co noso comportamento, porque é difícil que podan resistir e atendernos se seguimos dando pasos atrás.
E xa que este ano non celebraremos en agosto a Festa dos Nosos Maiores, o ano que vén o faremos con máis ilusión que nunca. Xuntos venceremos este mal.
Moito ánimo, a coidarse e a seguir adiante. Xesús está a acompañarnos infundíndonos a forza necesaria para seguir loitando.
Unha agarimosa aperta.
O Padroado da Fundación O Noso Lar